Minería convenio de formación

A COMG e EF Business School desenvolverán programas de formación específicos no ámbito mineiro

Juan José López Muñoz, presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia e Venancio Salcines Cristal, presidente de EF Business School-Escola de Finanzas (EFBS) asinarán un convenio de colaboración entre ambas entidades.

Este convenio é o primeiro paso para a realización de proxectos conxuntos e accións encamiñadas a impulsar o desenvolvemento económico, cultural, científico, tecnolóxico e social de Galicia a través da creación de programas de formación no ámbito mineiro.

Esta iniciativa impulsará o desenvolvemento de actividades formativas dirixidas tanto á capacitación de persoas desempregadas como á certificación de profesionalidade e de actualización de coñecementos dos traballadores e traballadoras das entidades membro da COMG. Os diferentes cursos desenvolveranse especialmente naqueles concellos con actividade mineira, axudando así a cubrir a demanda actual e futura da industria.

Outra das accións froito deste convenio será a creación dun portal de emprego do sector mineiro galego, punto de encontro entre profesionais e empresas.

Para fomentar o coñecemento das accións formativas entre os membros da COMG, realizaranse unha serie de webinars de carácter divulgativo.