Webinar recursos naturais 01

A COMG celebrou o webinar de presentación do Catálogo de Recursos Naturais de Galicia

A COMG organizou este martes un webinar para dar a coñecer os traballos levados a cabo durante o último ano en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN) e que deron como resultado o Catálogo de Recursos Naturais de Galicia que pasará a formar parte da Materioteca.

A Materioteca de Galicia, promovida por GAIN, é un espazo de difusión pública de materiais innovadores que pretende facilitar o coñecemento e a posta en valor para a industria destes produtos.

A xornada foi presentada por Arantxa Prado, directora da Cámara Oficial Mineira de Galicia; e contou coa participación do presidente da mesma, Juan José López: e de Irene Pérez, membro do seu departamento técnico. Así como coas intervencións de Santiago Nieto, responsable da Materioteca; e de María Modino, xefa de calidade en Áridos do Mendo, unha das empresas colaboradoras do novo Catálogo de Recursos Naturais de Galicia.

Juan José López explicou que esta avaliación dos recursos é algo que xa se realizaba na industria mineira e que este proxecto é unha forma de fomentar e promocionar este labor. Así mesmo, aproveitou para incidir na importancia deste sector en Galicia: “A industria vai situarse onde se teña man de obra e onde haxa recursos”.

Pola súa banda, Santiago Nieto describiu os obxectivos da Materioteca e a súa relevancia en “a transferencia de coñecemento, investigación e, por tanto, na innovación”.

Para explicar o proceso da creación deste novo catálogo de produtos naturais asociados á Materioteca de Galicia, Irene Pérez presentou todos os pasos levados a cabo: a elaboración das fichas de produtos dos recursos de orixe mineral dispoñibles no subsolo da comunidade, a clasificación estratéxica dos estériles con posible valor engadido, así como un atlas asociado. En total, trátase de 122 produtos de orixe mineral pertencentes a diferentes sectores repartidos nesta base de datos.

María Modino destacou que se trata dun “gran proxecto” e que “cuantos máis sexamos, máis valor lle daremos”. A Responsable de Calidade de Áridos do Mendo subliñou ademais, que este proxecto supón unha oportunidade para a investigación e para o descubrimento de novos usos.

O próximo día 13 de decembro, o CIS de Ferrol acollerá a presentación da exposición dedicada a este novo catálogo.

Se non puideches asistir, aquí podes ver o webinar completo.