Mineria sostenible mining sost

A COMG celebra os avances no primeiro ‘Plan de desenvolvemento dos dereitos mineiros’ de Galicia, co que se identificaron 200 casos de permisos de explotación caducos

A Xunta de Galicia anunciou este luns, 10 de xuño, o inicio dos traballos do que será o primeiro ‘Plan de desenvolvemento dos dereitos mineiros’ de Galicia, unha iniciativa que busca impulsar a investigación de minerais fundamentais para o seu posterior aproveitamento en sectores económicos estratéxicos. Na primeira fase deste plan, impulsado pola Consellería de Economía e Industria, identificáronse ao redor de 200 casos de dereitos mineiros caducos.

Recentemente, a Cámara Oficial Mineira de Galicia, como representante da minaría na comunidade, solicitou á administración pública autonómica a actualización dos dereitos mineiros e a concesión de permisos de investigación, que permitan coñecer o territorio e responder ás novas necesidades da sociedade galega.

Galicia conta cos recursos necesarios para converterse en líder na extracción de minerais estratéxicos, con vistas a alcanzar os obxectivos fixados na Lei europea de Materias Primas Críticas. Esta norma busca reforzar a soberanía e competitividade dos Estados membros, reducindo a súa dependencia de países extracomunitarios para a obtención de materias primas críticas e simplificando a burocracia ao redor da actividade extractiva.

O impulso aos permisos de investigación é necesario para que os profesionais da minaría, a xeoloxía e a industria poidan explorar o territorio. Por este motivo, desde a COMG celebramos os avances no ‘Plan de desenvolvemento dos dereitos mineiros’, que permitirán identificar os dereitos caducos, impulsar as solicitudes de permisos de investigación por parte das empresas e, posteriormente, en función dos resultados, activar as concesións para o aproveitamento dos recursos minerais.