Asamblea comg 2022

A COMG celebra a súa Asemblea Ordinaria

A Cámara Oficial Mineira de Galicia celebrou esta mañá a súa Asemblea de maneira presencial tras dous anos de pandemia. O encontro reuniu a membros e socios da entidade no Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Galicia, en Santiago de Compostela.

O acto foi inaugurado por Paula Uría, directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, que aproveitou para dar unha mensaxe de ánimo ao sector, para que as empresas continúen traballando pola sostibilidade e a innovación. Paula Uría resaltou que as sinerxias entre sectores vai ser clave: “A minaría é unha parte fundamental da cadea de valor da industria galega. A transición enerxética e a transformación dixital son dous ámbitos que necesitan dos minerais galegos”.

Ademais, destacou a aposta da Xunta de Galicia por fortalecer a competitividade da minaría a través da innovación e a formación, favorecendo un crecemento empresarial sostible.

Durante a súa intervención, Juan José López, presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia, puxo de manifesto a necesidade de “Apostar polo noso. Fronte á falta de materias primas Europa tiña un plan B: chamábase Ucraína; tras a invasión, e sobre todo tras a crise enerxética e de transporte, debemos apostar polas materias primas autóctonas”.

O presidente da entidade puxo sobre a mesa medidas urxentes como a axilización para sacar adiante os concursos mineiros caducados, e así poder investigar e obter aqueles recursos críticos para a industria. “Agora mesmo debemos centrarnos en producir as materias primas galegas para o que necesitamos enerxía máis barata, e tamén para que as empresas maximicen a cadea de valor aquí en Galicia”. Para tratar de conseguilo, están a aplicarse medidas propias como o desenvolvemento de proxectos de autoxeración, renegociación de contratos, cambio de combustibles, mesmo comunidades enerxéticas locais ou contratos PPA.

Pola súa banda, Miguel Ángel Fortúnez Garea, director da COMG, presentou aos asistentes un resumo de todas as accións levadas a cabo pola entidade durante o pasado ano encamiñadas a impulsar, defender e dar a coñecer o sector en Galicia.

Xornada Técnica ‘A crise enerxética e o sector mineiro’

Tras a Asemblea, os asistentes puideron asistir a unha pequena xornada que virou ao redor das medidas que poden tomar as empresas mineiras galegas para facer fronte á alza dos prezos da enerxía e que contou cos seguintes relatorios:

– Mapa de axudas do INEGA para o 2022.
Juan Ignacio Rodríguez Fernández-Arroio, Director do Departamento de Enerxía do INEGA

– Auditorías Enerxéticas. Consellos prácticos para a mellora da eficiencia enerxética das explotacións.
Marcos Sánchez, APPLUS+

– Autogeración Eléctrica e Autoconsumo. Consellos prácticos.
Fátima Torrente, APPLUS+