Gestión integral de residuos

A Cámara Oficial Mineira de Galicia denuncia a gravidade de excluír ao sector extractivo das axudas ao prezo do gasoil

A Xunta Directiva da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) lamenta que o goberno central suprimise a bonificación ao prezo do gasoil para o sector extractivo.
O sector mineiro é moi sensible á subida do prezo do gasoil, xa que sofre en primeiro termo e con efecto multiplicador calquera variación no prezo dos produtos de extracción e produción.
Os representantes da minaría galega alertan das dificultades que están a atravesar moitos centros produtivos debido ao aumento do prezo dos carburantes. Esta inflación afecta as operacións de todo o ciclo mineiro: desde a investigación á restauración, pasando polo aproveitamento do recurso mineiro.
A minaría é un sector estratéxico, do que depende o 70% da actividade industrial europea. Por iso, a súa falta de viabilidade económica podería comprometer por completo a cadea de valor.
Así, Juan José López, presidente da COMG, explica as graves consecuencias que podería ter a dilación desta situación: “Os sobrecustos fan insostible a actividade a curto prazo e, con iso, o mantemento de tecido produtivo e de emprego, así como da provisión de bens públicos que ofrece a minería”. Entre estes bens áchanse os materiais de construción e de mantemento de edificacións, recursos metálicos para a industria ou excipientes para farmacopea, entre outros.
“Consideramos incomprensible que sexa o único sector primario sen bonificación, mentres que si se bonifican gran parte das actividades que se sustentan nel como son a produción de aluminio, aceiro, maquinaria, alimentación…”, sinala Juan José López.
Para emendar esta problemática e evitar consecuencias en termos de emprego e garantías de subministración, a COMG solicita ao goberno que se amplíen as medidas adoptadas no Real Decreto-lei 20/2022, do 27 de decembro, incluíndo á minaría como entidade beneficiaria destas axudas.