A Cámara Mineira logra melloras para o sector nas Directrices de Ordenación do Territorio

A Cámara Oficial Mineira de Galicia logra melloras para o sector nas Directrices de Ordenación do Territorio
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas confirmou a admisión de once das vinte e dúas alegacións presentadas pola entidade cameral.
A Coruña, 3 de xaneiro de 2011.
A Cámara Oficial Mineira de Galicia ( COMG) logrou introducir melloras para o sector mineiro nas Directrices de Ordenación do Territorio, segundo vén de informarlle a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas á entidade cameral. Das vinte e dúas alegacións presentadas pola Cámara á noticia normativa, once foron estimadas total ou parcialmente.
A elaboración destas propostas enmárcase no labor da COMG de defender os dereitos mineiros e as empresas que os exercen na Comunidade Autónoma galega. Os obxectivos básicos das alegacións presentadas polo sector mineiro baséanse na necesidade de garantir a viabilidade das explotacións mineiras e de equiparar a actividade extractiva a outras actividades de explotación dos recursos naturais que tamén teñen un impacto no medio, como a agrogandeira ou a forestal, e están sometidas a un control ambiental menos exhaustivo.
Trátase, ademais, de recoñecer a relevancia do sector na economía de Galicia e da súa vinculación histórica co patrimonio galego. Neste sentido, destácase a capacidade desta actividade como xeradora de emprego e fijadora de poboación no rural e reivindícase a utilización de materiais autóctonos utilizados tradicionalmente.
XESTIÓN DE RESIDUOS
A Cámara Oficial Mineira de Galicia presentou tamén diversas alegacións referidas á xestión de residuos que foron admitidas pola Consellería. Nesta liña figura, entre outras propostas, a utilización preferente de determinados residuos, especialmente os de construción e demolición, na rexeneración dos ocos xerados polas explotacións mineiras.