A Cámara Mineira asina convenio coa Consellería de Economía para crear o Catastro mineiro

A Cámara Oficial Mineira de Galicia e a Consellería de Economía e Industria colaborarán na creación e posta en marcha do Censo Catastral Mineiro de Galicia, segundo o convenio asinado hoxe polo conselleiro Javier Guerra Fernández e o presidente da entidade cameral, Francisco Aréchaga Rodríguez. O obxectivo da iniciativa é facilitar o acceso a toda a información relativa aos dereitos e recursos mineiros de Galicia, así como axilizar a tramitación e xestión destes dereitos.
Segundo o acordo asinado hoxe, a Xunta financiará con 300.000 euros a creación dunha plataforma informática flexible e actualizable que integre toda a información relativa aos dereitos mineiros de Galicia e que deberá estar operativa a finais de 2010.
A Cámara Oficial Mineira de Galicia, como único organismo representativo das empresas do sector, co apoio da Consellería de Economía e Industria, actualizará o censo de dereitos mineiros, que se publicará na internet para garantir a súa accesibilidade.
O Censo Catastral Mineiro de Galicia nace como ferramenta de apoio ao sector, xa que ademais de definir as superficies que conforman os distintos dereitos mineiros, mostrará a información relativa a eles, e información adicional de interese tanto para a Administración como para os empresarios do sector. Para a Cámara Mineira, a dispoñibilidade desta información de maneira áxil e actualizada favorecerá o aproveitamento ordenado e eficiente dos recursos minerais da Comunidade e a racionalización e optimización do uso do chan e subsolo susceptible de conter estes recursos. Ademais, permitirá harmonizar a actividade extractiva con outros usos do chan e garantir así o desenvolvemento sustentable do sector.
Francisco Aréchaga destacou a importancia do sistema para desenvolvemento futuro do sector, xa que permitirá “coñecer de maneira inmediata as características do territorio sobre o que se realiza a actividade mineira e evitará problemas polo confluencia dos usos do chan”. A iniciativa servirá tamén para situar “a información mineira de Galicia na vangarda tecnolóxica”. Estrutura e contidos Segundo o proxecto deseñado pola Cámara Oficial Mineira de Galicia, a plataforma tecnolóxica incluirá unha base de datos cos dereitos mineiros existentes en Galicia; un sistema de información xeográfica e un sitio web que permita a consulta e xestión da información en niveis adaptados ás necesidades do público xeral, da Administración e do sector. Incluirase tamén información xeolóxico-mineira, ambiental, económica e lexislativa.
A creación e posta en marcha desta ferramenta representa unha importante aposta conxunta da Administración e do sector pola transparencia. Trátase de achegarlle á poboación a realidade dun sector tan descoñecido como importante na economía galega. Información áxil e actualizada Os datos da Cámara Oficial Mineira de Galicia indican que na actualidade existen aproximadamente 1.200 dereitos mineiros na Comunidade, dos que 750 son autorizacións ou concesións de explotación.
Esta información vén recollendo nos Libros de Rexistro dos dereitos mineiros xestionados polos servizos provinciais da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas. A posta en marcha do novo Censo Catastral Mineiro de Galicia supoñerá a posibilidade de aproveitar as vantaxes das novas tecnoloxías a favor dunha xestión áxil, flexible e actualizable de toda a información relativa aos dereitos mineiros de Galicia.