Plantilla fotos web comg 1

A aprobación da Lei de Materias Primas Críticas impulsa a soberanía europea

O 18 de marzo, o Consello Europeo adoptou o regulamento para establecer un marco que garanta unha subministración segura e sostible de materias primas críticas, máis coñecido como Lei de Materias Primas Críticas. O obxectivo desta Lei, aprobada en decembro polo Parlamento Europeo, é aumentar a competitividade e soberanía da Unión Europea (UE), a través da redución da burocracia, o fomento da innovación ao longo de toda a cadea de valor e o apoio ás PEMES.

A nova normativa identifica 34 materias primas críticas (17 delas clasificadas como estratéxicas), que son imprescindibles para fabricar case calquera produto tecnolóxico, desde teléfonos móbiles e baterías, ata aplicacións de defensa ou paneis solares. Co aumento de proxectos de enerxías renovables e a dixitalización das sociedades, prevese un aumento da demanda destes recursos.

Porén, a UE ten unha elevada dependencia de países extracomunitarios para obter estas materias primas críticas: China proporciónalle o 98% das terras raras e o 93% do magnesio; Turquía, o 98% do borato; Chile, o 78% do litio; e Sudáfrica, o 71% do platino, entre outros.

A Lei recentemente adoptada polo Consello Europeo establece parámetros de referencia que deben alcanzarse de aquí a 2030: un 10 % das necesidades anuais da UE cubrirase coa extracción de materias primas críticas; un 40 %, coa transformación; e un 15 %, coa reciclaxe. Ademais, como máximo, un 65 % do consumo anual da UE de cada materia prima estratéxica en calquera fase pertinente da transformación poderá proceder dun terceiro país.

A Lei de Materias Primas Críticas ofrecerá incentivos económicos e un marco empresarial máis seguro para os proxectos de minería e reciclaxe, con procedementos de autorización máis rápidos e sinxelos: un máximo de 27 meses para proxectos de extracción e un máximo de 15 para os de procesamento e reciclaxe, con excepcións limitadas ás tramitacións de tipo ambiental, cuxo prazo non computa dentro do período previsto.

Ademais, a normativa busca impulsar a investigación mineira, o desenvolvemento de materiais alternativos, e a implementación de métodos de extracción e produción máis respectuosos co medio ambiente.