termalismo-sostible

O sector termal galego mostra o seu compromiso coa sustentabilidade

Esta semana, profesionais do sector dos balnearios e augas embotelladas amosaron a súa aposta pola protección da riqueza natural asociada aos acuíferos galegos e á súa contorna na xornada ‘Termalismo Sostible’ celebrada na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da UVigo.

O encontro reuniu profesionais vinculados aos sectores das augas termais e minerais de Galicia, así como estudantes universitarios e contou tamén coa participación do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.

Elena Alonso, directora da escola, quixo destacar que a sociedade aínda non sabe que as augas minerais son un recurso mineiro e, polo tanto, competencia dos enxeñeiros mineiros.

Pola súa parte, Conde analizou unha das claves para o desenvolvemento do sector: a transferencia de coñecemento da universidade ás empresas. Tamén mencionou o desenvolvemento da Lei de uso lúdico das augas termais que atraerá a máis usuarios para aproveitar o potencial da riqueza termal galega. O conselleiro destacou que todos estes usos teñen que realizarse compatibilizando o desenvolvemento empresarial coa conservación dos espazos naturais.

A Cámara Oficial Mineira de de Galicia tamén estivo presente na xornada. “Hai que por en valor as calidades terapéuticas das augas termais. O seu uso debería ser aconsellado pola sanidade pública “, explocou Juan de Dios Martín, presidente da entidade.

Marisol Espiño, presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia, destacou a potencia deste sector, que emprega a 1.200 persoas en Galicia: “España ocupa a décima posición mundial no uso de augas termais. A calidade e profesionalidade da balneroterapia en Galicia é un valor que hai que manter “, declarou.