turismo-mineria-galicia

Presentada a xornada “Turismo e Patrimonio Xeológico e Mineiro”

Minaría Sostible de Galicia organizou o 26 de xuño en Santiago de Compostela o encontro “Turismo e patrimonio xeolóxico e mineiro” no que profesionais de diversos ámbitos profundaron na alternativa turística que ofrece o patrimonio e a historia da minería e a xeoloxía galegas.

A plataforma presentou aos concellos galegos unha alternativa turística baseada nas súas instalacións mineiras e características xeolóxicas. A xornada tivo por obxectivo achegar aos técnicos de turismo as enormes posibilidades do turismo industrial e mineiro poñendo en valor a traxectoria histórica de Galicia en relación coa actividade mineira, que se remonta a tempos prehistóricos e que desempeñou un papel destacado nos tempos romanos ata o século XXI pasando pola idade moderna.

A posta en valor destes espazos e a súa historia supoñen unha nova oportunidade para o sector turístico no que o noso país é líder, así como un revulsivo para a Galicia baleirada. Durante o encontro, Ángel García Cortés (Instituto Xeolóxico e Mineiro de España) presentou o libro Patrimonio mineiro de Galicia, unha publicación que recolle 30 puntos estratéxicos que poñen en valor a riqueza xeolóxica de Galicia e o patrimonio industrial que constitúen as explotacións e instalacións mineiras en desuso.

Este proxecto foi desenvolto en conxunto pola Cámara Oficial Mineira de Galicia e o IGME e constitúe unha das primeiras iniciativas nadas do convenio de colaboración que ambas as entidades asinaron a comezos de 2018. Os xeoparques tamén foron protagonistas durante este encontro, tanto o recentemente estreado “ Xeoparque Montañas do Courel”, o primeiro territorio do norte de España que recibe este recoñecemento da UNESCO, como as candidaturas “ Xeoparque Costa da Morte” e “Xeoparque Cabo Ortegal”. Martín Alemparte, xerente do grupo de desenvolvemento rural Ribeira Sacra-Courel; Juan Ramón Vidal Romaní, catedrático e director do Instituto de Xeoloxía Isidro Parga Pondal; e Francisco Canosa,  geólogo e impulsor da candidatura Xeoparque Cabo Ortegal, explicaron o valor xeolóxico destas zonas e as vantaxes de formar parte da exclusiva Rede de Xeoparques Mundiais.

O evento contou ademais co peche de Bernardo Tahoces, director Xeral de Enerxía e Minas e que destacou a necesidade de que a sociedade galega coñeza o seu pasado mineiro.

O resumo completo con todos os relatores: https://minariasostible.gal/es/jornada-turismo-patrimonio-minero/