10 Nov A Cámara Oficial Mineira de Galicia convoca a IV edición dos Premios Santa Bárbara
A Cámara Oficial Mineira de Galicia convoca a IV edición dos Premios Santa Bárbara, coas modalidades
Comunicación e Traxectoria O obxectivo é recoñecer o labor dos medios de comunicación a favor do coñecemento do sector entre a sociedade, así como dos profesionais e entidades da comunidade mineira galega
- O prazo para presentar as candidaturas finaliza o 23 de novembro A Cámara Oficial Mineira de Galicia convocou a IV Edición dos Premios Santa Bárbara, que inclúe as modalidades Comunicación e Traxectoria.
- O obxectivo dos galardóns é o recoñecemento do labor dos medios de comunicación a favor do achegamento do sector á sociedade, así como dos integrantes da comunidade mineira de Galicia.
A súa entrega está prevista para o 1 de decembro no Hotel Monumento San Francisco, en Santiago, no marco do xantar que celebra anualmente a Cámara Mineira con motivo da festividade de Santa Bárbara. O premio Traxectoria está dirixido aos profesionais, empresas, entidades ou organismos vinculados ao sector mineiro galego, e ten como obxectivo o recoñecemento a unha carreira meritoria. Pola súa banda, o galardón Comunicación busca premiar o labor de difusión da realidade mineira a favor dun mellor coñecemento do sector e da súa promoción.
Neste caso poden presentarse os profesionais que, sen estar directamente relacionados co sector mineiro, favorezan o achegamento da sociedade á realidade da minería galega coa publicación de informacións ou artigos nalgún soporte de comunicación. Os premios consistirán nunha lousa pintada polo artista Pedro Bo para a persoa gañadora da modalidade Traxectoria e nunha fin de semana para dúas persoas nun balneario de Galicia para a persoa gañadora da modalidade Comunicación. En ambos os casos recibirán tamén un diploma honorífico.
PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS
As persoas interesadas en presentar unha candidatura poden obter o formulario preciso a través da web www.camaraminera.org, ou na sede da entidade cameral, situada na rúa Juan Flórez da Coruña. Xunto co formulario poden remitirse todos os documentos que se consideren oportunos para xustificar a candidatura.
A solicitude poderá presentarse ata o día 23 de novembro, incluído, enviándoa por correo postal á sede da Cámara Mineira (Juan Flórez 33-35, entlo. esquerda 15004 A Coruña), por fax ao número 981 139 664 ou por correo electrónico á dirección cmg@camaraminera.org. Na pasada edición dos Premios Santa Bárbara, o galardón Traxectoria foi para o empresario Ramón Carballal, da entidade Camilo Carballal SL, situada na localidade coruñesa de Ames, e o premio Comunicación para a Asociación Galega de Pizarristas, con sede en Sobradelo de Valdeorras (Ourense).
EMPRESAS MINEIRAS
A Cámara Oficial Mineira de Galicia, con sede na cidade da Coruña, representa o sector industrial dos recursos minerais na Comunidade autónoma: empresas mineiras, nas que se inclúen os subsectores das augas minerais embotelladas, áridos, balnearios, cerámica, minaría enerxética, granito, lousa, rocas industriais e outros. É unha corporación de dereito público fundada no ano 1925 e un órgano consultivo da Administración tutelado pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia.