26 Xuñ A COMG e a Xunta asinan o acordo para mantemento do Censo Catastral Mineiro de Galicia
A Cámara Oficial Mineira de Galicia ( COMG) e a Consellería de Economía veñen de asinar o acordo de colaboración para o mantemento do Censo Catastral Mineiro de Galicia ( CCMG), a plataforma informática única con información actualizada sobre os dereitos mineiros da Comunidade galega. A relevancia desta ferramenta para o desenvolvemento da minería en Galicia leva á Xunta a investir 40.000 euros ao longo de 2015 para garantir a actualización da información e o mantemento do sistema.
A Cámara Oficial Mineira de Galicia será a entidade responsable deste labor, como vén facendo desde o ano 2010, cando se asinou o primeiro convenio de colaboración entre a Consellería e a entidade cameral para a creación do Censo Catastral Mineiro de Galicia. Neste sentido, no acordo recentemente formalizado sinálase a Cámara como “único organismo representativo das empresas do sector mineiro en xeral”, que ten encomendado o fomento da industria mineira en Galicia e, en concreto, “a redacción de estudos e traballos e o establecemento dos servizos precisos para os intereses xerais da minaría”.
SISTEMA PÚBLICO E GRATUÍTO
Segundo o acordo asinado polo conselleiro D. Francisco Conde e o presidente da entidade, D. Juan de Deus Martín Aparicio, a Cámara Oficial Mineira de Galicia comprométese ao mantemento do sistema e á actualización da información contida no CCMG. Trátase así de facilitarlle á comunidade mineira a xestión, tramitación e implantación das actividades extractivas, e de garantirlles aos cidadáns un sistema de información actualizada de acceso público, libre e gratuíto.
O labor de mantemento implica actuacións estruturais, como licenzas de software e aloxamento e mantemento do servidor, e a realización de copias de seguridade periódicas, tanto da base de datos alfanumérica como das capas de información xeorreferenciada.
Pola súa banda, a actualización da información contida no sistema supón a inclusión das novas solicitudes de dereitos e a revisión do seu estado. Este labor desenvolverase a través da colaboración directa coa Dirección Xeral de Enerxía e Minas, en coordinación coa Administración e con consultas ás entidades mineiras para contrastar os datos existentes.
MELLOR FUNCIONALIDADE
Ademais, actualizarase a información adicional recollida nas diferentes capas do sistema informático, mediante a colaboración con distintos organismos, como IGME, SITGA, IGN, MINETUR ou Confederacións Hidrográficas, entre outros. O acordo prevé tamén un programa de actualización evolutiva do sistema, con melloras da súa funcionalidade e novos bloques de información de interese para o sector.