O encontro do turismo termal internacional TERMATALIA 2026 celébrase os días 24 e 25 de setembro en Expourense. Trátase da celebración da 24ª Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, que reunirá destinos, empresas e profesionais do sector procedentes de 16 países.  A feira conta con 60 expositores, 50 poñentes e a participación de 15 touroperadores internacionais no Workshop de Contratación Turística, unha das principais accións profesionais do evento.

TERMATALIA 2026, que foi inaugurada por José González Vázquez, Conselleiro de Comercio, Emprego e Emigración, regresa á súa sede habitual en Europa tras a edición celebrada en Colombia en 2025 e reforza o seu carácter profesional cunha programación centrada en negocio, formación e cooperación, combinando actividades dirixidas a visitantes profesionais con propostas para o público xeral. Entre os atractivos previstos inclúense iniciativas como o Bar de Augas, catas express de augas minerais, zona de masaxes, demostracións de estética, degustación de “xeado termal” e actividades de benestar.

No eido da formación, TERMATALIA acollerá o VII Congreso Internacional sobre Auga e Saúde, un dos contidos profesionais principais do evento, que reunirá a 50 expertos dunha decena de países para analizar a evolución do termalismo e do turismo de saúde e benestar, así como retos e oportunidades do sector.

O programa aborda cuestións de actualidade como o envellecemento activo e o termalismo, as novas tendencias do wellness, a calidade e boas prácticas en establecementos termais, a intelixencia artificial e a investigación universitaria, a hidroloxía médica, a xeotermia e o papel dos balnearios como motores de desenvolvemento económico e social, con atención ao medio rural. O Congreso desenvolverase en dúas salas (Europa e América) con relatorios simultáneos e poderá seguirse tamén por streaming.

A organización indica que o horario de feira será de 09.30 a 18.00 horas de forma ininterrompida o xoves 24 e o venres 25 de setembro, e que a inauguración oficial terá lugar o xoves 24 ás 09.30 h. Así mesmo, para poder asistir é necesario realizar a acreditación profesional, dispoñible na web de TERMATALIA. A plataforma de acreditación e información de formación pode consultarse no seguinte enlace.

A COMG anima ás persoas interesadas a revisar o programa e a formalizar a acreditación con antelación, tendo en conta as datas de celebración do congreso e a posibilidade de seguimento en liña.

 

Imaxe: Xunta