30 Set Termatalia consolídase como punto de encontro de turismo termal na súa vixésima edición
Os días 29 e 30 de setembro celebrouse en Ourense a vixésima edición da Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar (Termatalia).
Con máis de 140 expositores de 25 países diferentes, Termatalia conseguiu recibir un total de 6.300 visitas nunha semana crave para o termalismo ourensán, xa que, de forma paralela, celebráronse outros dous grandes eventos relacionados coa feira: o Congreso Internacional de Turismo Termal e o XXI Congreso Nacional de Hidrología Médica.
XIX Cata Internacional de Augas
Un dos grandes reclamos de Termatalia é a súa coñecida Cata Internacional de Augas, que este ano celebraba a súa XIX edición cun xurado dirixido pola catadora galega Mercedes González e composto por profesionais de España, Portugal, Francia e Brasil. Esta cata, considerada un concurso de gran prestixio e moi valorado polas empresas embotelladoras de auga mineral, conta con catro tipos de galardóns, que se repartiron entre Galicia e Costa Rica, e da que Fontecelta foi triunfadora en mellor auga con gas engadido e mellor auga de mineralización media; e Cabreiroá de mellor auga con gas natural.
Proxecto TERMAGAL, formación, mesas redondas e networking
Durante a última xornada de Termatalia tamén se presentou o proxecto TERMAGAL, que recolle a historia clínica electrónica común dos balnearios de toda Galicia. Esta innovadora idea presentouse da man de Nava Castro, directora de Turismo de Galicia.
Dentro das xornadas técnicas profesionais, celebráronse mesas redondas ao redor do aspecto xurídico da auga, presentáronse novas tendencias sobre xestión deste prezado recurso e, sobre todo, mostráronse novos destinos de turismo termal e de saúde, como Uruguai.
Termatalia converteuse tamén en marco formativo para os centos de alumnos dos distintos centros de Formación Profesional de Galicia e Portugal que visitaron a feira e entre os que se incluían ademais alumnos da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela.