terrenos-mina-touro

A asociación de mineiros de Touro e O Pino pide reactivar o proxecto de extracción do cobre

Trala denegación do proxecto de extracción de cobre no solo dos municipios de Touro e O Pino, a asociación comarcal de mineiros insta á Xunta e á empresa que desexa a reactivación da explotación a chegaren a un acordo. Pídenlle á Administración Autonómica que “esixa o que teña que esixir” para sacar adiante este proxecto.

A asociación comarcal de mineiros de Touro e O Pino resaltan a importancia da reactivación da mina para impulsar o desenvolvemento económico e demográfico da zona: “A nosa comarca mórrese, non hai máis que observar a paisaxe das rúas en calqueira das súas parroquias: negocios pechando para sempre, casas abandonadas e silencio. Algún ecoloxista de fin de semana dirá que isto é bo para que eles disfruten da natureza, pero o rural e a súa explotación sostible son sinónimo de coidado e vida para os que vivimos aquí”.

O proxecto conta cunha inversión de 200 millóns de euros, e xeraría 400 empregos directos e máis de 1.200 indirectos.

A extracción do cobre é unha actividade que non se pode deslocalizar, engade a asociación, e na actualidade estamos vivindo unha nova idade de ouro deste metal, debido á enerxía verde, á electrificación do transporte, etc.

A asociación convocou unha asemblea extraordinaria o 6 de abril para renovar cargos. A candidatura é encabezada por Javier Balado Carreira, veciño de Touro. O seu obxectivo é ” avivar a captación de novos socios e impulsar a colaboración de todos os asociados para realizar novos movementos para lograr o rescate do proxecto mineiro”.