Patrimonio-Cámara-Minera

Varios proxectos tratan de conservar e poñer en valor o patrimonio mineiro galego

Sharing is caring!

Os concellos de A Pontenova, Lalín e Ribas de Sil destinan diversos fondos para tratar de conservar e poñer en valor o seu patrimonio mineiro, á vez que aproveitan o potencial turístico que xeran no municipio e na súa contorna.

O alcalde de A Pontenova, Darío Campos, está a desenvolver un proxecto para captar visitantes que consiste en aproveitar o potencial que este municipio ten no río Eo e no patrimonio mineiro.

Unha das actividades de promoción foi a levada a cabo na Festa da Troita coa ruta do tren mineiro. Con todo, a intención do alcalde é conseguir que se execute o tramo enteiro, de máis de 30 quilómetros, dende A Pontenova a Ribadeo.

Neste proxecto tamén se inclúe a restauración do forno de fundición de Boulloso, así como a instalación dunha tirolina cun percorrido duns 350 metros, polo antigo trazado do teleférico. Está previsto que o traxecto inclúa a visita á primeira galería dunha mina, que se recuperará nuns cen metros.

Pola súa parte, Lalín rehabilitará e porá en valor os elementos de interese etnográfico da área mineira das Trigueiras gracias a unha achega que recibiu da Xunta para a rehabilitación das infraestruturas turísticas no rural.

Mentres que os alumnos da V edición do taller de emprego Sillor están a traballar en Ribas de Sil na construción dun edificio de 200 m2 destinado ao futuro museo da minaría romana, que será o primeiro de Galicia destas características e que ocupará unha pequena parte da parcela ubicada na praia fluvial na que se planifica a creación dun xeocámping. Trátase de aumentar a oferta de aloxamento ao tempo que se crea un novo espazo expositivo dentro do territorio do xeoparque Montañas do Courel.

O museo servirá para promocionar o legado romano con máis de 150 minas repartidas por todo o territorio do municipio, Quiroga e O Courel, entre as que destaca o complexo arqueolóxico de O Covallón, posto recentemente en valor coa creación dunha ruta circular interpretativa.

Ademais, o entorno conta coas minas de O Covallón, O Vogo e A Escrita e o túnel subterráneo de Augas Santas. A zona pode percorrerse a través dun traxecto de 6 quilómetros e, segundo está previsto, nos próximos meses destinaranse fondos para mellorar a sinalización e a conexión entre San Clodio e a área.