tesis-vigo-rocas-web

Unha tese da Universidade de Vigo obtén o premio nacional da Sociedade Española de Mecánica de Rochas

A Sociedade Española de Mecánica de Rochas (SEMR) acaba de outorgar o seu premio á mellor tese doutoral. Nesta oitava edición, o investigador Ignacio Pérez Rey foi galardoado cunha mención de honra pola súa investigación “ Study of the frictional behaviour of planar sawcut rock surfaces towards a methodology for tilt testing and its application to case studies”, defendido en 2019 na Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo e dirixida polo profesor Leandro Alejano, do grupo de investigación de Exploración Mineira.

Trátase dun estudo experimental dos factores que inflúen no ángulo de fricción básico das descontinuidades rochosas, un parámetro especialmente relevante á hora de analizar a estabilidade das obras executadas en macizos rochosos. O traballo de Ignacio Pérez serviu ademais para impulsar o desenvolvemento dunha nova metodoloxía para o estudo da estabilidade das estruturas xeolóxicas, utilizando como caso de estudo a coñecida Pena do Equilibrio de Ponteareas.