19 Mai Un informe do Grupo Banco Mundial destaca a importancia da minaría na loita contra o cambio climático
O informe “Minerals for Climate Action: The Mineral Intensity of the Clean Energy Transition” (Minerais para a acción climática: O uso intensivo dos minerais na transición cara á enerxía limpa), publicado polo Grupo Banco Mundial, sinala que a produción de minerais, como o grafito, o litio e o cobalto, podería experimentar un aumento de case un 500 % ata o ano 2050.
Esta crecente demanda responde ao desenvolvemento de tecnoloxías de enerxía limpa. As enerxías eólica, solar e xeotérmica, así como os sistemas de almacenamento de enerxía necesitarán máis de 3000 millóns de toneladas de minerais.
No citado informe tamén se indica que, aínda que as tecnoloxías de enerxía limpa requirirán unha maior cantidade de minerais, a pegada do carbono relacionada coa súa produción —desde a extracción ata o consumo final— representará tan só o 6 % das emisións de gases de efecto invernadoiro.
A reciclaxe e a reutilización de minerais serán claves para satisfacer esta crecente demanda de minerais.