10 Nov Traballadores, sindicatos, a Montaña Ourensá, colexios profesionais e asociacións únense a favor da mina de Penouta
Preto de 200 persoas manifestáronse este xoves fronte aos xulgados do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) na Coruña para solicitar ao órgano a retirada do peche cautelar da Mina de Penouta, en Viana do Bolo, ditado a mediados de outubro.
Esta mina ourensá, é a única produtora de coltán (niobio e tantalio) de Europa, un recurso mineral estratéxico para a UE e que é necesario para a fabricación de dispositivos electrónicos, de equipos médicos e de avións. Ademais, tamén extrae estaño, outro mineral fundamental para a transición enerxética e dixital.
A mina obtivo a finais de 2022 a concesión da sección C para un proxecto de 30 anos tras a declaración de impacto ambiental favorable, con todos os informes favorables de organismos públicos como Medio Ambiente, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Patrimonio da Natureza, tras anos explotando a sección B de aproveitamento das antigas balsas de estériles. Ademais, a explotación ten implantada a norma UNE 22480 de Xestión Mineira Sostible que mediante máis de 70 indicadores garante a sustentabilidade do proxecto a través dun proceso de mellora continua.
A decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de paralizar a explotación na mina de Penouta, que está relacionada cunha demanda contra a resolución da Xunta de asociacións ecoactivistas deixa no aire o emprego de 130 persoas. Por iso, durante as últimas semanas os alcaldes da montaña Ourensá, Viana do Bolo, A Veiga, Vilariño de Conso; sindicatos como CCOO e CIG e traballadores; asociacións entre as que se atopan a Cámara Oficial Mineira de Galicia e Arigal; e colexios profesionais uníronse nunha fronte común para esixir a continuidade do proxecto estratéxico para Europa, e sobre todo para o desenvolvemento social e económico da comarca ourensá.