Reunión coa nova Conselleira de medio ambiente e ordenación do territorio

A Cámara Oficial Mineira de Galicia ( COMG) mantivo o pasado 27 de outubro unha xunta coa nova conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, na que tamén participou o Secretario Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo de Benito. Por parte da entidade cameral asistiron o seu presidente, Juan de Deus Martín, e o director, Diego López.

Nela abordáronse diversos asuntos, como a posibilidade de establecer liñas de colaboración en temas de interese común e marcáronse como obxectivos o intercambio de información e a inclusión da Cámara como entidade a consultar no marco de procedementos de avaliación ambiental, en liña coas directrices marcadas pola Xunta Directiva da COMG.

Desde a Cámara púxose de manifesto a importancia do sector na nosa comunidade e a potencialidade de crecemento económico e xeración de emprego que ten en Galicia, dada a existencia no seu territorio de recursos minerais considerados críticos para a industria segundo a Iniciativa de Materias Primas da Comisión Europea.