13 Nov A COMG participa nunha reunión para consensuar a futura Lei de administración ambiental simplificada
O 13 de novembro, a titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reuniuse con representantes da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia, a Asociación Clúster do Naval Galego e o Clúster de Enerxías Renovables de Galicia, para abordar o contido e obxectivos da futura Lei de administración ambiental simplificada. Ao encontro acudiron, por parte da COMG, a directora, Arantxa Prado, e o presidente do Comité Normativo, Javier González.
A proposta lexislativa busca unificar todos os requisitos normativos existentes, achegando seguridade xurídica e axilizando a tramitación ambiental de proxectos, a través da creación dunha canle de comunicación fluída entre promotores e administración.
Para iso, o Executivo prevé habilitar un punto informativo destinado a orientar ás entidades solicitantes de autorizacións ambientais durante a tramitación administrativa deste tipo de procedementos. O obxectivo da medida é garantir o acceso dos promotores á información necesaria e o cumprimento dos prazos marcados para a concesión de autorizacións.
Durante o encontro, representantes da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático solicitaron ás entidades asistentes, todas elas axentes implicados nas tramitacións ambientais na comunidade, a presentación, ata xaneiro, de achegas á futura lei. O próximo paso será a redacción do borrador normativo, que pretende ser un texto de consenso, froito da participación das organizacións sectoriais afectadas pola nova norma.