presentacion-mineria-galicia-icog

Preto dun centenar de persoas acudiu á presentación de ‘¿Para que sirve la geología?’, de Manuel Regueiro e Macarena Regueiro

Sharing is caring!

Achegar a importancia da profesión do xeólogo á sociedade é o obxectivo de ‘Para que serve a xeoloxía?’, unha obra divulgativa que aúna a visión dos seus dous autores: a perspectiva técnica de Manuel Regueiro e González-Barros, presidente do Ilustre Colexio de Geólogos e xefe da área de Rocas e Minerais Industriais e da área de Relacións Externas e Transferencia do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España; e a visión literaria de Macarena Regueiro de Mergelina, dramaturga e actriz.

O libro foi presentado o pasado mércores no museo de Arte Contemporánea Costa da Morte en Corme (Carballo, A Coruña) ante un auditorio de aproximadamente cen persoas. Un acto que contou ademais coa participación de Lois García, alcalde de Ponteceso; Juan Ramón Vidal Romaní, catedrático da UDC; Diego López, director da COMG; e Pablo Núñez, delegado en Galicia do ICOG.

A xornada xirou ao redor da necesidade de dar visibilidade a unha ciencia que explica o noso pasado e que nos permite avanzar cara ao futuro mediante o control de riscos naturais, a procura de augas subterráneas, a exploración dos minerais e das súas aplicacións, a investigación de fontes de enerxía limpas, a investigación do impacto ambiental das explotacións mineiras ou o control do cambio climático.

Tamén houbo cabida para falar dunha industria estreitamente relacionada coa xeoloxía: a minaría, e dos éxitos e os obxectivos da minaría sostible en Galicia, que destaca pola súa contribución ao PIB da comunidade desde o modelo da economía circular.

Outra das claves da xornada foi a presentación da candidatura Xeoparque Costa da Morte, un espazo que abarca 15 concellos coruñeses e cuxo patrimonio podería facelo merecedor de converterse no segundo Xeoparque da UNESCO do noroeste peninsular.

Para saber máis: https://minariasostible.gal/o-presidente-do-ilustre-colexio-oficial-de-xeologos-presentou-o-libro-para-que-sirve-la-geologia/