22 Xul Prebetong pon de manifesto o seu compromiso coa seguridade na súa canteira de Cartelle
En 2014 Prebetong cesou a actividade dunha das súas canteiras en Cartelle (Ourense), unha explotación granítica que abasteceu á industria con áridos triturados para prefabricados, cemento e obra pública.
Desde a empresa esperan retomar a actividade mineira no futuro e para iso continúan renovando a concesión co pago das correspondentes cotas aos veciños propietarios dos terreos. Por tanto, a antiga canteira é propiedade privada e como tal, está prohibido o paso a calquera persoa allea á súa actividade.
Con todo, nestas instalacións destaca un gran lago azul turquesa que chama a atención dos curiosos, o que levou a que os intentos de acceder á mina non fosen poucos durante estes anos. Do mesmo xeito que sucede con Monte Neme, esta contorna foi o escenario de publicacións en redes sociais e mesmo dalgunhas sesións fotográficas de vodas. Para minimizar o problema, desde Prebentong quixeron garantir a seguridade das persoas alleas á explotación mediante unha serie de medidas:
- Desmantelamento das instalacións.
- Valado do perímetro.
- Sinalización mediante carteis que avisan da prohibición da entrada ao recinto, así como dos perigos que entraña.
A pesar destas medidas, aínda son moitas as persoas que desatenden as indicacións e tentan acceder á mina rompendo o valo, polo que a empresa ten que reparala con frecuencia.
Outra das medidas que tomou Prebetong foi a de poñer un garda de vixilancia entre Semana Santa e outubro, o período do ano no que máis visitantes non autorizados reciben as instalacións. Ademais, sempre que unha persoa accede á mina, a empresa denuncia os feitos. Polo que existe colaboración entre Prebetong, a Garda Civil e o propio concello.
Con todas estas medidas, o que pretende a empresa pertencente a Votorantim Cimentos é preservar unha das súas máximas: o compromiso coa seguridade. Unha meta que persegue con medidas diarias en todas as súas explotacións e plantas e con xornadas especiais como o Global Safety Day, prácticas responsables que fixeron a Votorantim merecedora de galardóns como o premio “Empresa del Año” Prevencionar 2018.