Prebetong certificación minería sostenible

Prebetong Lugo obtén a certificación de Xestión Minera Sostible 

Prebetong Lugo, empresa pertencente ao grupo Votorantim Cimentos, recibiu a certificación do Sistema de Xestión de Minería Sostible como recoñecemento ao cumprimento do seu sistema de xestión coa norma UNE 22480:2019 nun acto organizado pola Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) e a Asociación Galega de Áridos (Arigal).

Durante a xornada participaron María Coutinho Villanueva, subdirectora xeral de Recursos Minerais da Xunta de Galicia; Arantxa Prado, directora da COMG; e Alberto Novoa, presidente de Arigal. Andrés Lago, director de Prebetong Hormigones y Áridos na zona Norte, recibiu o certificado de mans de Laura Calvo, business development manager de Bureau Veritas,

Este selo pon en valor o traballo realizado pola compañía para a mellora continua no desempeño dos criterios de sustentabilidade da súa actividade extractiva.

A norma UNE 22480:2019 permite, mediante indicadores, o seguimento de parámetros económicos, sociais e ambientais na actividade industrial. Como resultado dese seguimento, a certificación obtida por Prebetong recoñece aspectos como o respecto polo medioambiente, a seguridade na actividade extractiva, a prevención de riscos laborais na explotación de materiais e a correcta xestión dos recursos e a súa posterior reciclaxe. Ademais, valora a implicación coa contorna e a súa conexión co territorio, a través da xeración de riqueza na zona, a creación de emprego local e a contratación de provedores locais.

Tras recibir a certificación, Andrés Lago, asegurou: “É para nós un orgullo ser recoñecidos con esta certificación que pon en valor os nosos esforzos en materia de sustentabilidade, en liña cos obxectivos da Axenda 2030”.

Pola súa banda, Arantxa Prado, directora da Cámara Oficial Mineira de Galicia, afirmou durante o acto: “Esta certificación é froito do esforzo de Prebetong e do convenio asinado entre a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia e a COMG que representa o ecosistema mineiro galego, e mediante o cal xa está implantada a norma nunha ducia de empresas. Máis que no resto de España no seu conxunto”.

Finalmente, Alberto Novoa, presidente de Arigal, puxo de manifesto a satisfacción pola certificación de Prebetong Áridos, especialmente ao tratarse da primeira canteira de áridos que recibe a acreditación en Galicia e unha das primeiras a nivel nacional.