premio-innovacion-pasek.mineria

Pasek Minerales obtén o premio Galicia Innovación e Deseño

Os premios Galicia de Innovación e Deseño, impulsados pola Xunta de Galicia, recoñecen ano tras ano o labor das empresas galegas como xeradoras de valor e calidade de vida a través da innovación, o desenvolvemento e o deseño.

Nesta última edición, celebrada onte en Santiago de Compostela, Pasek Minerais foi a compañía galardoada co premio innovación na categoría Gran Empresa. A compañía foi da man da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) para a presentación da súa candidatura nesta convocatoria.

Este premio é todo un recoñecemento ao labor que desenvolveu a empresa mineira ao longo de máis dunha década en Cariño (A Coruña) e un orgullo para a industria extractiva, xa que se trata da sexta empresa en obter o premio nesta categoría e a primeira pertencente ao sector mineiro.

Pasek Minerais extrae dunita na provincia da Coruña, un mineral fundamental para a industria siderúrxica e como compoñente na produción de áridos que se exporta a través dos portos de Cariño e Ferrol.

Ademais, a empresa ten en marcha dous proxectos de economía circular para este 2024 para o aproveitamento dos seus estériles finos, catalogados na Materioteca de Galicia: o primeiro centrado en proxectos de absorción de CO2 e o segundo, na fabricación de lastre para a eólica mariña. Para ambas as iniciativas conta coa colaboración da COMG e da súa Oficina de Impulso de Proxectos Europeos.

O investimento da compañía en I+D+i vai da man do seu compromiso coa sustentabilidade, reflectido na certificación UNE 22480:2019 Sistema de xestión mineira-metalúrxica sostible obtida este ano mediante o convenio asinado entre a COMG e a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.