Entrevista Luisa

Os espazos mineiros, posible solución ante a seca

Durante as últimas semanas, os incendios e o desabastecemento de auga foron un dos principais problemas que sufriu o noso país. Por iso, os medios de comunicación fixéronse eco da iniciativa da Cámara Oficial Mineira de Galicia, de facer un inventario de todas as balsas de auga e mananciais, procedentes da explotación, restauración e investigación mineiras.

Así, Juan José López, presidente da COMG, participou na Radio Galega, explicando que “a día de hoxe, a Cámara Oficial Mineira de Galicia é a xestora do Catastro Mineiro de Galicia, onde xa hai un pre-avance dos reservorios dispoñibles, aínda que aínda non se coñecen metros cúbicos”.

O presidente da entidade falou dalgúns exemplos concretos de ocos mineiros, agora convertidos en acuíferos aptos para consumo humano, como é o caso de Vimianzo (Costa da Morte), onde o 50% do abastecemento provén de antigas explotacións.

Juan José López fixo fincapé na necesidade de sacar a concurso os dereitos mineiros caducados, que na nosa comunidade ascenden ao 50% do territorio. “Isto significa, que non se pode investigar nesta zona nin a existencia de recursos minerais nin de mananciais, así como a súa caracterización”, declara o presidente.

Outro dos temas importantes durante a entrevista foi o fomento da economía circular e a súa relación coas terras raras, xa que poden atoparse como subproductos de recursos minerais tradicionais, en estériles.

Escoita aquí a entrevista completa (7:00-17:00).

Ademais, Luisa Álvarez Zaragoza, enxeñeira de minas e xerente de Pedra Ingeniería, e Fernando Cobo, biólogo, falaron no programa da Televisión de Galicia, A Revista, do caso do lago de Meirama, lago froito dunha das restauracións mineiras máis ambiciosas de España e que agora abastece á cidade da Coruña e a súa contorna.