20 Xuñ Os balnearios de Cuntis e Caldas reabren tras un ano de pandemia
A Asociación de Balnearios de Galicia anuncia, na súa asemblea xeral ordinaria, que os balnearios da comarca de Caldas retomarán a actividade de forma graduada tras un ano de peche obrigatorio pola situación sanitaria causada pola COVID-19. Nesta reunión renovouse, tamén, a actual directiva por “responsabilidade co actual momento que se está vivindo”.
Durante o encontro adiantouse a reactivación do balneario de Cuntis, que se sumará nas próximas semanas á reapertura do de Dávila, que xunto ao de Acuña ofrecerán servizos desde Caldas de Reis. En definitiva, tras máis de 12 meses de peche, en moitos dos casos, dá comezo a apertura de portas.
“Foron meses moi longos para todos, un período moi duro que agora estamos dispostos a recuperar e afrontar con ilusión. “Os centros termais son establecementos que teñen un custo de funcionamento moi elevado debido á cantidade de persoal que traballa nos mesmos, e cuns gastos enerxéticos realmente altos” precisa Marisol Espiño, recentemente reelixida directora.
A asociación espera que “paulatinamente se vaian abrindo todos os establecementos da comunidade e poder contar, dado que é de vital importancia tanto para o sector como para as comarcas onde se atopan os balnearios, coa posta en marcha dos programas de termalismo social do Imserso e a Xunta”.
A presidenta destaca a infinidade de posibilidades que ofrece o termalismo para realizar programas terapéuticos, así como para gozar da contorna natural. Subliña, ademáis, que os balnearios “son lugares idóneos para a recuperación e o descanso”.
Un Descanso Nos Camiños
Seguindo a mesma liña, a asociación seguirá potenciando o programa Un Descanso Nos Camiños, co obxectivo de intensificar o turismo termal, aproveitando o Xacobeo 2021-2022 e a través dun produto non só dirixido aos peregrinos, senón á sociedade en xeral.
“É un produto turístico que combina os camiños de Santiago coa oferta dos balnearios. A proposta inclúe aloxamento de dúas noites, cun programa termal; unha actividade de sendeirismo ou roteiro próxima aos balnearios participantes, preferentemente coincidente cun tramo do Camiño; ademais dunha actividade de tipo cultural ou de lecer na contorna do establecemento termal (visitas guiadas, enoturismo, turismo activo de baixo impacto, experiencia gastronómica…)”
Dentro de este mesmo programa, pero agendado para o segundo semestre, a asociación continuará coas actividades da Cátedra e estará presente en Termatalia e en Expourense.
Asociación de Balnearios de Galicia
Esta asociación nace no ano 1985 coa finalidade de representar e promocionar ao sector termal da comunidade autónoma de Galicia. Do encontro entre un grupo de empresarios na Illa dá Toxa, xurdiu a entidade -a segunda creada en España- que actualmente está integrada por 10 balnearios.