9

O potencial das augas mineromedicinais de Galicia convértese en protagonista de Fitur 2024

Galicia é o principal destino termal de España. O número de mananciais existentes na comunidade supera os 300, o que a converte nunha das rexións europeas con maior riqueza en augas minerais e termais. Ademais, recentemente, o Balneario de Mondariz foi recoñecido co Premio Wellness Experience 2023, que o certifica como o mellor de Europa.

O termalismo galego promocionouse durante a semana pasada na 44ª edición da Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebrou entre o 24 e o 28 de xaneiro no recinto feiral IFEMA (Madrid). Durante o segundo día da feira de turismo, a Deputación de Ourense estreou a campaña “Ourense Termal. Nunca deixes de soñar”, que se enmarca dentro do Plan de Sustentabilidade Turístico en Ourense Termal.

A campaña evoca unha serie de experiencias sostibles na provincia que combinan a estancia en aloxamentos singulares coa inmersión en augas mineromedicinais, como poden ser as dos balnearios de Arnoia, Laias, Caldas de Partovia ou Lobios, entre outros destinos termais. O obxectivo desta iniciativa é poñer en valor o termalismo como factor diferencial que convida a vivir unha experiencia saudable e resaltar o potencial dos recursos minerais galegos.

O Plan de Sustentabilidade Turística en Ourense Termal, que executa a Deputación de Ourense mediante un convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo, busca a transformación competitiva de 15 municipios termais rurais da provincia a través do investimento de máis de 3 millóns de euros no territorio.

Se desexas ver a campaña completa, podes facelo na seguinte ligazón.