02 Xan Minera de Rocas avanza na implantación das normas UNE 22480 e UNE 22470
A empresa Minera de Rocas, dedicada á extracción e transformación de granito ornamental, está a implantar as normas UNE 22480 e 22470, centradas na xestión mineiro-metalúrxica sostible.
A compañía situada na Cañiza (Pontevedra) conta co apoio da Fundación Centro Tecnolóxico de Galicia, grazas a un convenio de colaboración coa Xunta que busca impulsar a sustentabilidade e a mellora continua no sector mineiro.
Paula Uría, directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, visitou as instalacións de Minera de Rocas para mostrar o seu apoio á sustentabilidade da industria. Uría insistiu no compromiso da Xunta coa defensa dunha minería sostible que permita un desenvolvemento industrial compatible co medio natural, que favoreza o emprego de calidade e xere oportunidades económicas e sociais no rural.
A directora xeral destacou que outras dez empresas están a traballar tamén na implantación das normas UNE 22480 e 22470 en colaboración coa Cámara Oficial Mineira de Galicia, coa que a Xunta traballa tamén neste ámbito a través dun convenio.
A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais reforza este ano as partidas destinadas ao aproveitamento sostible dos recursos. Como novidade poñerase en marcha unha liña de axudas para aquelas empresas do sector mineiro que realicen investimentos destinados aos procesos de implantación e certificación destas normas.
Isto permitirá avanzar no obxectivo de que Galicia poida ser a comunidade autónoma con maior número de empresas mineiras coa implantación e certificación nestas normas, deixando patente o firme compromiso coa sustentabilidade do sector mineiro galego.