21 Mai Mina Mercedes renace como espazo lúdico
A lagoa natural creada no antigo oco da Mina Mercedes, situada no concello pontevedrés de Valga, converteuse nun coto de pesca sen morte, segundo resolveu a Dirección Xeral de Conservación da Natureza. A este respecto, a Cámara Oficial Mineira de Galicia congratúlase de que Galicia dispoña dun exemplo máis de recuperación dun espazo mineiro en beneficio da biodiversidade e da sociedade.
Segundo a resolución da Xunta, neste novo coto de pesca capturarase como especie principal a troita arco iris, utilizando unicamente mosca artificial e culleriña cun só anzol e sen arponcito. Autorízase unha soa cana por pescador e non se concederán máis de 15 permisos de pesca diarios nas xornadas hábiles establecidas na orde anual de pesca continental. O coto de pesca dispón de catro tramos que suman 799 metros.
Hai que destacar que as persoas menores de 16 anos ou maiores de 65, así como as que teñan discapacidade, terán prioridade na adxudicación dos permisos de pesca. Ademais, a lagoa poderá ser utilizada en calquera época do ano para actividades de escolas de pesca, coa autorización do Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra.
A celebración do I Salón PescaValga, o pasado marzo, supuxo a exitosa estrea de Mina Mercedes como coto de pesca. Na lagoa soltáronse máis de 2.000 exemplares de troita e estudarase a posibilidade de sumar outras especies autóctonas. Trátase así de avanzar na aposta que fixo o concello de Valga co apoio da Xunta de Galicia para poñer en valor este antigo espazo mineiro a favor dunha mellor calidade de vida dos veciños.
Espazo Natural