Termatalia_Congreso

I Congreso Internacional sobre Auga e Saúde en Expourense

Entre os días 16 e 17 de setembro terá lugar o I Congreso Internacional sobre Auga e Saúde organizado por Termatalia 2020 Feira Internacional de Turismo de Saúde, Termal e Benestar.

Será na capital termal de Ourense nas instalacións de Expourense, poderá seguirse de maneira presencial acudindo ás instalacións de Termatalia, ou de forma online a través dunha plataforma virtual desde calquera parte do mundo.

O congreso conta co apoio da Deputación Provincial de Ourense e da Concellería de Turismo e Termalismo do Concello de Ourense. Este primeiro programa conta coa participación de 50 profesionais internacionais procedentes de nove países (Arxentina, Brasil, España, Estados Unidos, Italia, Portugal, Tailandia, Tunes e Uruguai). Ata o momento xa se inscribiron máis de 300 profesionais do sector de máis de 20 países de catro continentes, entre os que destacan Portugal, Arxentina e España.

Trátase de dúas xornadas que teñen como obxectivo reunir a toda a comunidade termal e seguir posicionando a Termatalia como un dos focos máis importantes internacionalmente sobre coñecemento e formación especializada no campo do turismo de saúde e termalismo.

Trataranse temas como o turismo de saúde desde unha perspectiva multidisciplinar, a repercusión da pandemia causada pola Covid-19 no sector. Ademais, contará con conferencias nas que se expoñerán casos reais sobre os protocolos de seguridade que se están aplicando actualmente no sector, mesas de debate centradas en como afrontar o futuro cunha menor incerteza e reducir o impacto económico da crise.

Como congreso científico, as xornadas contarán cun espazo dedicado á presentación das últimas investigacións nos sectores da auga e o termalismo. Dita sesión coordínaa a presidenta da Sociedade Galega de Talasoterapia, Lourdes Mourelle.

Unha sesión do devandito congreso estará dedicada á hidroloxía médica que incluirá a presentación do 3º Valdemécum das augas mineromedicinais de España, a cargo do doutor Francisco Maraver. Ademais, acollerá a presentación dos produtos turísticos máis innovadores da Península Ibérica.