A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) organizou o sábado 27 de xuño unha ruta guiada polas areeiras da Limia (Ourense), con saída e chegada en Sandiás, no marco da plataforma Minería Sostible de Galicia, a través do seu programa de Patrimonio Mineiro (MInaTUR), en colaboración coa Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia.

A actividade, con punto de partida no Centro de Interpretación da Lagoa de Antela e celebrada entre as 09:45 e as 13:30 horas, reuniu a máis de 30 participantes. O percorrido estivo dirixido polo xeólogo Eduardo González Clavijo e permitiu coñecer a formación da singular chaira sedimentaria da Limia, a historia do desecamento da Lagoa de Antela e a evolución da paisaxe asociada á actividade extractiva.

A ruta puxo en valor o carácter estratéxico dos áridos e lembrou que a Axenda de Impulso da Minería Sostible de Galicia 2030 contempla, entre os seus obxectivos, avanzar na integración ambiental e poñer en valor o patrimonio mineiro galego.

Durante o itinerario, de carácter circular e de dificultade baixa, visitouse unha zona de extracción de area, explicando o seu proceso e as aplicacións do produto, e analizáronse exemplos de ocos renaturalizados convertidos en espazos de elevada biodiversidade, hoxe integrados na paisaxe característica da comarca. A COMG agradece a colaboración de Miranda Celanova por amosar parte das súas instalacións durante o percorrido.

Na xornada participaron o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández VilaAlberto Novoa, presidente de ARIGAL, e representantes do Concello de Sandiás, coa benvida do alcalde Felipe Traveso e a presentación do Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, a cargo do concelleiro de Cultura e coordinador, Pepe Gándara.

Como iniciativa complementaria de divulgación, puxouse en valor o tótem interactivo con código QR instalado en Sandiás, que facilita o acceso a contidos documentais e audiovisuais sobre este espazo de interese xeolóxico e natural, dentro da plataforma dixital de Patrimonio Xeomineiro de Galicia da COMG.

Proximamente avanzaremos información sobre a segunda ruta prevista para este 2026.