A Cámara Oficial Mineira de Galicia asistiu á xornada “Galicia: territorio estratéxico para unha minería de vangarda”, un encontro no que se puxo en valor o papel da minería como peza clave para impulsar o desenvolvemento industrial da comunidade e reforzar a autonomía estratéxica europea no abastecemento de recursos.

A xornada, inaugurada polo director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández, incluíu unha análise dos resultados dos concursos de dereitos mineiros 2025, coa participación do director territorial da Consellería de Economía e Industria na Coruña, Isidoro Martínez Arca, e da xefa do Servizo de Enerxía e Minas, María Teresa Negreira Pazos. A visión tecnolóxica incorporouse coa intervención do catedrático da USC, Luis Miguel Varela Cabo, sobre minería intelixente e predición de recursos mediante redes neurais.

A dimensión social tivo un espazo específico coa intervención de Ismael Blanco Bouza (DELOGA), que abordou o sentir da sociedade arredor da minería con datos alentadores, incidindo en que o que demanda a sociedade é información. Por último, presentouse a folla de ruta dos concursos de dereitos mineiros 2026, centrada en planificación estratéxica e dixitalización, cunha exposición do subdirector xeral de Recursos Minerais, Diego Casal Ramos.

A clausura do acto correu a cargo da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana Somoza, quen subliñou que o obxectivo non é facer de Galicia un territorio extractivo, senón “un territorio industrial” poñendo o foco no coñecemento que somos capaces de incorporar”. Neste sentido, sinalou que tanto os concursos de 2025 como os previstos para 2026 representan unha aposta polo coñecemento e pola ordenación do territorio.

Ademais incidiu que esta nova etapa está marcada pola Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan recursos naturais, unha norma pioneira en Galicia, que valora especialmente aspectos como a creación de emprego, a colaboración co tecido empresarial local, a formación, a integración no territorio, a protección ambiental, o retorno social e o compromiso con Galicia.

A conselleira incidiu en que o obxectivo é avanzar en máis industria, máis innovación, máis emprego e máis oportunidade poñendo o foco na confianza, que se sostén con información á cidadanía, participación, garantías e responsabilidade.

 

Foto: Xunta de Galicia