A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) participou no Curso de Verán da Universidade da Coruña (UDC) “Descarbonización industrial e tecnoloxías de captura, transporte, almacenamento e uso do CO₂: unha visión atlántica”, centrado no papel das materias primas e da innovación como elementos clave para avanzar cara á descarbonización e a transición enerxética.

En representación da COMG, interviñeron como relatores Juan José Álvarez, director de Minería en Pasek Minerales, e Arantxa Prado, directora da Cámara, nunha sesión dirixida a analizar a contribución á descarbonización desde a perspectiva das materias primas.

Durante o encontro abordáronse o marco europeo das materias primas críticas e estratéxicas, o incremento da demanda de minerais asociado ao despregamento das enerxías renovables e da mobilidade eléctrica, así como a necesidade de garantir un subministro sustentable que reforce a autonomía estratéxica de Europa. A xornada puxo tamén o foco no potencial xeolóxico e mineiro de Galicia, destacando a súa riqueza en recursos minerais, a súa liderado en determinados subsectores e as oportunidades que ofrece para contribuír ao desenvolvemento industrial, á innovación e á transición enerxética.

Así mesmo, presentáronse iniciativas de investigación relacionadas coa captura de CO₂, o almacenamento de enerxía e o desenvolvemento de novos materiais, amosando como a innovación mineira pode contribuír directamente aos obxectivos climáticos.

O curso contou tamén coa participación do director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, quen sinalou que a Axenda Enerxética de Galicia 2030 sitúa a descarbonización dos principais sectores económicos como un obxectivo prioritario.

Como conclusión, os relatores coincidiron en que a descarbonización e a transición cara a unha economía climaticamente neutra requiren unha minería moderna, innovadora e sustentable, capaz de subministrar as materias primas esenciais para as tecnoloxías do futuro.