A Cámara Oficial Mineira de Galicia participou, os días 29 e 30 en Madrid, na conferencia de Esri 2025: “Integrando todo en todas partes”. Trátase do único evento GIS capaz de reunir toda a comunidade de expertos e expertas que lideran os principais desafíos tecnolóxicos de organismos públicos e privados. Ao evento asistiron a directora da COMG, Arantxa Prado e a responsable da Oficina Técnica da COMG, Irene Pérez, quen participou nun relatorio baixo o título “Xestión Xeoespacial do Catastro Mineiro de Galicia: Do Reto á Aplicación Estratéxica no Territorio”. Nela explicou en que consiste o catastro mineiro para a xestión do territorio, a evolución que tivo e os desafíos que supuxo, así como as distintas aplicacións que ten. Trátase dunha ferramenta que a Cámara Oficial Mineira de Galicia xestiona ao abeiro da Lei 3/2008.

Irene Pérez durante a xornada
O Catastro Mineiro adquire especial relevancia no contexto do desenvolvemento sostible e da planificación territorial de Galicia. A súa xestión é un desafío que combina a complexidade da normativa mineira coa necesidade dunha cartografía precisa e actualizada. No relatorio explorouse o proceso de creación e evolución deste sistema, desde os seus inicios como resposta á necesidade de modernizar a xestión do censo mineiro, ata a súa consolidación como unha ferramenta pública xeoespacial de valor estratéxico.
Por iso, durante a conferencia aproveitouse para explicar as motivacións chave que impulsaron o proxecto e destacouse como a implementación das tecnoloxías GIS (Sistemas de Información Xeográfica) de Esri, non só resolveu estes problemas, senón que tamén abriu novas oportunidades e aplicacións.
Ademais, detalláronse as utilidades do sistema no visor, desde a visualización e análise de dereitos mineiros ata a integración de datos multidisciplinares, como a cartografía xeolóxica e as áreas protexidas. Así mesmo, explicouse de xeito breve como funciona, destacando a súa capacidade para proporcionar unha plataforma de consulta pública interactiva. A integración con outras bases de datos e a capacidade para xerar informes en tempo real transformaron a xestión, facéndoa máis eficiente e transparente.
A intervención concluíu destacando a súa influencia no desenvolvemento sostible e na planificación territorial de Galicia, así como cunha análise dos logros e dos desafíos futuros, subliñando o potencial do GIS como motor de innovación na xestión pública.


