A vicepresidenta e ministra para a Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, presentou o I Plan de Acción para a Xestión Sostible das Materias Primas Minerais, organizado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO). No evento, ao que asistiu a directora da COMG, Arantxa Prado, subliñou que a dependencia de combustibles fósiles e a fraxilidade das cadeas de subministración tras a invasión de Ucraína fan imperativo reforzar a autonomía estratéxica. O plan, dotado con 414 millóns de euros e cun enfoque de “360 graos”, busca acelerar as transicións enerxética e dixital mediante o aproveitamento de recursos propios, o impulso da economía circular e a creación de alianzas estratéxicas.
Novas axudas e Programa Nacional de Exploración
Durante a súa intervención, a ministra anunciou axudas para participar no Programa Nacional de Exploración Mineira 2026-2030, unha medida clave para fortalecer a cadea de valor industrial e garantir o subministración de materiais críticos en territorio nacional.
Así mesmo, destacou o potencial de España, que posúe 22 das 34 materias críticas identificadas pola Unión Europea, e anunciou o lanzamento do primeiro Programa Nacional de Exploración Mineira da democracia que mobilizará 182 millóns de euros para identificar e revalorizar os recursos xeolóxicos do país, tras 50 anos de inactividade neste ámbito.
Retos técnicos: seguridade, restauración e circularidade
Pola súa parte, o director xeral de Política Enerxética e Minas detallou os retos técnicos da estratexia, sinalando que a demanda de minerais como o litio multiplicarase por cinco para 2040. Explicou que o plan prioriza oito medidas de alta relevancia, entre as que destacan a modernización do regulamento de seguridade mineira e a actualización dos plans de restauración para protexer a biodiversidade e fomentar o uso de enerxías renovables en antigos emprazamentos.

Un piar fundamental será o apoio ás empresas para investigar, identificar e desenvolver métodos innovadores de recuperación de recursos minerais, incluíndo traballos experimentais para crear novas técnicas de extracción e procesado máis eficientes e sostibles. Neste sentido, desde a Cámara Oficial Mineira de Galicia realizarase un seguimento exhaustivo destas convocatorias para informar, acompañar e asesorar no acceso a estes fondos de innovación.
Contexto europeo e impulso industrial
Na mesa redonda, expertos do sector coincidiron en que esta folla de ruta aspira a consolidar a España como actor estratéxico en Europa, onde conta con sete proxectos de importancia crítica seleccionados pola Comisión Europea, un deles en Galicia.

Finalmente, nun diálogo conxunto, os secretarios de Estado de Enerxía e Industria coincidiron en que a colaboración interministerial será clave para transformar a actual vulnerabilidade xeopolítica nunha vantaxe competitiva. O secretario de Estado de Enerxía sinalou que a mellor forma de abordar os pasivos ambientais herdados é reactivar a actividade mineira baixo estándares modernos e sostibles, capaces de “curar as feridas” do territorio.
Pola súa parte, o secretario de Estado de Industria subliñou que a estratexia non se limita á extracción: busca asegurar toda a cadea de valor, incluído o procesado en España, para reforzar a competitividade industrial nos próximos 30 anos. Ambos destacaron que contar con sinais claras, como a identificación de proxectos estratéxicos e a futura Lei de Industria e Autonomía Estratéxica, será determinante para atraer investimentos e garantir que España lidere sectores clave como o vehículo eléctrico.

