A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) participou este martes na xornada organizada polo Clúster da Industria Enerxética de Galicia (CLUERGAL) baixo o título “Os recursos minerais e o sector da enerxía”, celebrada no Círculo de Empresarios de Galicia (Vigo). O encontro reuniu a representantes institucionais, empresariais, profesionais e docentes para analizar o papel dos recursos minerais na transición enerxética e as oportunidades comúns que comparten ambos sectores.

A apertura institucional correu a cargo de José Ramón Franco, presidente de CLUERGAL, e de Pablo Fernández Vila, director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia, quen salientaron a importancia de estreitar a colaboración entre minería e enerxía para garantir o subministro sostible de materias primas críticas e consolidar un modelo produtivo competitivo e respectuoso co medio ambiente.

Ao longo da mañá desenvolvéronse diferentes mesas de debate nas que participaron representantes da industria extractiva, empresas enerxéticas, centros de formación e administracións públicas. A Cámara Mineira estivo representada por Cecilia Trancón, quen interveu na mesa sobre as necesidades de materias primas para os proxectos enerxéticos.

A presidenta da COMG subrayou que estamos ante un momento no que minería se posiciona como un pilar estratéxico para a transición enerxética, non só en Galicia, tamén en Europa.

Falamos dunha transición que debe ser ecolóxica e que esixirá o aumento da produción de pilas e baterías, paneles solares, imáns e outras tecnoloxías limpas. Para isto precísase un acceso moi amplo a diversas materias primas para facer fronte a demanda correspondiente.

É nesta demanda onde os obxectivos do sector mineiro e das enerxías renovables están ligados: como usamos e conseguimos as materias primas.

Cecilia Trancón destacou que desde a Cámara Mineira de Galicia, se pode promover un acercamento estratéxico entre a minería e o sector renovable galego, que posicione á rexión como un socio clave para a transición enerxética da Unión Europea.

As intervencións durante a xornada permitiron destacar que o desenvolvemento dos proxectos enerxéticos tamén pode beneficiar á actividade mineira galega, tanto pola súa contribución á eficiencia e ao autoconsumo como pola redución de custos e a mellora da pegada ambiental. Ademais, abordouse a importancia da formación técnica e a especialización profesional como factores decisivos para afrontar os retos da transición enerxética, coa participación de representantes da Escola de Enxeñeiros de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, do Colexio de Enxeñeiros de Minas e do Colexio de Enxeñeiros Técnicos de Minas, entre outros.

A xornada rematou coa ponencia de Diego Casal Ramos, subdirector xeral de Recursos Minerais da Xunta de Galicia, centrada nas oportunidades do autoconsumo e a eficiencia enerxética no sector mineiro, poñendo en valor experiencias e boas prácticas xa implantadas en Galicia.

O evento puxo de manifesto que Galicia conta cunha base sólida para liderar a transición enerxética grazas á súa riqueza xeolóxica, á súa capacidade industrial e á aposta pola colaboración intersectorial. A Cámara Mineira de Galicia reafirmou así o seu compromiso cunha minería responsable, innovadora e integrada no desenvolvemento sostible do territorio.

 

Durante la jornada de Cluergal

Durante la jornada de Cluergal