libro-patrimonio-minero

Éxito rotundo do libro ‘Patrimonio minero de Galicia’

A finais de xuño, La Voz de Galicia lanzou Patrimonio Minero de Galicia, unha obra que dá a coñecer e pon en valor o patrimonio mineiro da comunidade galega. Dous meses despois da súa publicación, a primeira tirada xa se esgotou, con 2.000 exemplares distribuidos.

Esta obra recolle 30 puntos repartidos ao longo do territorio galego de gran valor patrimonial e turístico, entre eles atópanse antigas explotacións mineiras, museos xeomineiros e catro roteiros que fan un percorrido polas instalacións de antigas poboacións mineiras.

Trátase dun proxecto xurdido do convenio de colaboración asinado polo Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME) e a Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) a principios de 2018 e materializado na Unidade de recursos minerais de Galicia, composta por investigadores e técnicos pertencentes a ambas as entidades e que persegue varias metas relacionadas coa investigación e a divulgación.

Tras a gran acollida da obra, xa se lanzou unha segunda impresión e todos aqueles interesados en conseguir o seu exemplar poden solicitalo a través da seguinte páxina de contacto.