jornada-confedem-mineria

Celebrada a xornada ‘A minaría, motor do desenvolvemento social’

Sharing is caring!

O pasado mércores 25 de setembro tivo lugar en Santiago de Compostela a xornada ‘A minaría, motor do desenvolvemento social’, encadrada dentro do European Minerals Day e organizada pola plataforma Minaría Sostible de Galicia e a Confederación Nacional de Empresarios da Minaría e da Metalurxia (Confedem).

O foco do encontro foi a posición que ocupa a minaría na sociedade, como industria produtora de materias primas insubstituíbles e como sector que xera 11.200 postos de emprego en Galicia.

O acto abriuse coas intervencións de Juan de Dios Martín, presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia; e de Juan José Cerezuela, presidente de Confedem.

Tratáronse múltiples temas relacionados cos retos do sector nas diversas mesas redondas, onde profesionais procedentes de diversos ámbitos (grupos políticos e sindicais, universidades, colexios profesionais e empresas mineiras) mostraron a súa opinión, poñendo en común diferentes visións e xerando debates construtivos.

A primeira mesa redonda estivo moderada por Diego López, director da Cámara Oficial Mineira de Galicia. A potencialidade dos recursos do chan de Galicia e o seu valor en mercados internacionais foron algúns dos temas desenvoltos nesta mesa que contou cos representantes de grandes subsectores mineiros: Marco A. Sosa, Valoriza Minería (sector metálico); Benigno Amor, Clúster da auga Mineral e Termal de Galicia; Carlos Martínez, Asociación Galega de Áridos (ARIGAL); e Jorge Massó, Clúster do Granito.

Por outra banda, a segunda mesa estivo formada polos representantes sindicais: Paulo Carril, secretario xeral da CIG; Javier Carreiro, secretario xeral de UGT FICA Galicia; e José Hurtado, responsable de Política Sindical da Federación de Industria de CCOO. Un coloquio onde se salientou a necesidade de xerar máis industria para favorecer a creación de emprego de calidade.

“O futuro da minaría sostible” foi o título da terceira mesa do día, moderada por Vicente Gutiérrez, director xeral de Confedem. Os colexios e as universidades estiveron presentes aquí, coas intervencións de Elena Alonso, directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (Universidade de Vigo); Juan José Fernández, decano do Colexio de Enxeñeiros de Minas; Juan Carlos Morán, decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos e Graos en Minas e Enerxía de Galicia; e Pablo Núñez, delegado en Galicia do Ilustre Colexio Oficial de Xeólogos.

Temas como a necesidade de investir en investigación, a crecente demanda de terras raras ou o potencial de Galicia como produtor de determinados minerais foron algúns dos protagonistas da mesa.

Na última mesa do día finterviron Antonio Vidal, director do sur de Europa de MAXAM; Roberto Martínez, xefe da área de recursos minerais do Instituto Xeolóxico e Minero de España (IGME); Luís Martins, presidente do Clúster de Recursos Minerais de Portugal; Julio César Valle, asesor xurídico de COMINROC; e Moisés Blanco, deputado do Partido Popular no parlamento galego. Os cinco relatores trataron cuestións como as estritas normativas mineiras españolas e a necesidade de alixeirar os procedementos administrativos para fomentar o desenvolvemento da actividade mineira nun marco de sustentabilidade.

Ángel Bernardo Tahoces, director xeral de Minas e Enerxía da Xunta de Galicia, foi o encargado do peche e reforzou as mensaxes clave do día coa conclusión de que non debemos falar de “pasivos ambientais, senón de activos sociais”.

Saber máis.