Colegios a silvarosa

Ao redor de 120 alumnos de Viveiro descubriron as Minas da Silvarosa da man da COMG

A mañá do martes 21 de maio, ao redor de 120 alumnos de 6º de Primaria dos catro colexios de Viveiro desfrutaron dunha visita interpretada ás instalacións das Minas da Silvarosa, situadas no municipio da Mariña lucense. Da man da Cámara Oficial Mineira de Galicia, co apoio do Concello de Viveiro e a Comunidade de Montes de Vieiro, os rapaces viviron unha auténtica viaxe ao pasado e puideron descubrir o funcionamento do antigo xacemento de ferro.

«Teñen preto das súas vivendas un patrimonio mineiro que é espectacular», sinalou a directora da COMG, Arantxa Prado, quen os acompañou durante a visita. En palabras de Prado, o obxectivo da actividade divulgativa, chamada ‘O meu primeiro Xeolodía: as minas da Silvarosa, unha viaxe ao pasado’, foi «abrirlles os ollos ao que é a minería hoxe en día».

As Minas da Silvarosa estiveron en funcionamento ata os anos 60 e chegaron a ser das máis importantes de Europa, debido á gran cantidade de mineral que se aproveitaba delas: «Extraíanse lousas cun alto contido en ferro. Sacábase un mineral, chamado magnetita, que é un óxido de ferro, e exportábase a outros países», explicou Irene Pérez, xeóloga e técnico da COMG.

Podes consultar a reportaxe que elaborou a TVG sobre a actividade na seguinte ligazón.