Campaña Tejas Solidarias Amarai - Tejas Verea

Amarai e Tejas Verea promoven a inclusión das persoas con discapacidade

A Asociación de Persoas con discapacidade e apoio á integración das comarcas de Arzúa e Terras de Melide, Amarai, e a empresa fabricante de tellas Tejas Verea, presentaron en Boimorto as tellas solidarias, un proxecto conxunto para promover a inclusión das persoas con discapacidade e darlles visibilidade na comunidade.

Preto duns 30 socios de Amarai pintaron e prepararon as tellas que serán vendidas na súa páxina web para recadar fondos para as actividades do centro. Algúns temas escollidos polos usuarios de Amarai foron o coronavirus, o Camiño de Santiago, Rosalía de Castro ou Castelao. Ademais, tamén se incluíron outras temáticas sobre movementos sociais ou artistas internacionais.

A recadación que se obteña destinarase á realización de actividades de lecer e tempo libre e á compra de materiais como pinturas, vimbia ou coiro para outros talleres que están a realizar outras tarefas como manualidades, cestaría, marquetería ou coiro. O presidente de Amarai, Jose Luís Costoya, agradeceu a colaboración e espera que sexa o primeiro de moitos convenios de futuro coa empresa Tejas Verea, un referente no seu sector (fabrica uns 50 millóns de tellas ao ano). Ademais estes xestos facilitan que as persoas con discapacidade poidan potenciar as súas capacidades e satisfai as súas necesidades e expectativas.

Tejas Verea non só colabora con talleres de manualidades, senón que realiza unha achega económica destinada á compra de distintos materiais e utensilios para outras actividades. Luís Verea, director xeral de Tejas Verea, puxo en valor a calidade dos traballos e a importancia da vinculación entre as empresas e os colectivos sociais para promover o desenvolvemento da comunidade.

A iniciativa forma parte da campaña ReEnTéllate, que foi posta en marcha por Tejas Verea para promover a reciclaxe das tellas e o seu uso en decoración ou xardinería entre os colectivos sociais e culturais da comarca.