AENOR actualiza as normas UNE sobre minería sustentable

AENOR acaba de publicar a actualización das normas UNE sobre minería sustentable, en cuxa elaboración participou a Cámara Oficial Mineira de Galicia como integrante do Subcomité Técnico de Normalización SC3 “Xestión mineira sustentable”, representada polo seu director, D. Diego López.

As versións actualizadas das normas UNE 22470. Indicadores de xestión mineira sustentable e UNE 22480. Sistema de xestión mineira sustentable permiten realizar, de maneira sistemática, o seguimento e control dos indicadores de sustentabilidade, facilitando o establecemento de obxectivos de mellora continua en aspectos tan importantes como a diminución dos seus efectos ambientais, a integración territorial e social coa contorna no que se sitúan, a mellora das condicións laborais e a xestión económica das explotacións.

O subcomité leva traballando desde 2013 na revisión destas normas para adaptalas aos avances tecnolóxicos e sociais recentes. Nesta liña, introducíronse conceptos das iniciativas Equator principles e Bettercoal, co obxectivo de darlles unha maior aplicabilidade e unha posible dimensión internacional.

A certificación segundo estas normas, que responden os tres principios básicos da xestión (eficacia económico-financeira, xestión ambiental e xestión ético-social), asegura que as empresas contan cun sistema preparado para a mellora continua en criterios de sustentabilidade.

Comprometidos coa xestión mineira sustentable

A COMG pertence desde 2008 ao Subcomité Técnico de Normalización SC3 “Xestión mineira sustentable”, incluído no Comité de Normalización AEN/ CTN 22 – minería e explosivos de AENOR, entidade que se dedica a fomentar a estandarización de normas técnicas e a certificar ás entidades que as cumpren.

Neste grupo de traballo participan máis de 45 vogais, incluíndo representantes da Autoridade Mineira da Administración Xeral do Estado e das Comunidades Autónomas, empresas do sector, organizacións empresariais, colexios profesionais, consultoras, etc.