Xunta galicia innovacion sector minero

A Xunta de Galicia promove a innovación no sector mineiro

A directora e o presidente da COMG asistiron á xornada ‘O futuro da minería, a enerxía e a construción sostible a través da innovación’, evento que pecha o ciclo de networkings organizados pola Xunta de Galicia a través da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, para dar a coñecer o mapa de apoios da Administración autonómica en materia de I+D+i.

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participaron nesta xornada onde deron a coñecer as liñas de apoio da Xunta de Galicia á I+D+i para os sectores mineiro, enerxético e da construción.

Pablo Fernández Vila, destacou que a innovación ten que axudar a dar resposta aos cambios que necesita o sector extractivo. Nesta liña, destacou que a Axenda de Impulso á Minería Sostible de Galicia contén un total de 29 iniciativas agrupadas en 9 eixos de actuación, e nas que na gran maioría prevalece o carácter innovador.

Entre elas, mencionou as convocatorias de axudas para pemes para renovación e modernización tecnolóxica ou a seguridade industrial a través de tecnoloxías 4.0. O fomento do uso de técnicas de minería modernas e automatizadas. Ou o impulso a actuacións de fomento, promoción, estudo e investigación dos recursos naturais e, en especial, de materias primas críticas, e a posta en valor do potencial mineiro galego.

Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Innovación informou en clausura destas xornadas de que o obxectivo é que as pemes e micropemes incorporen a innovación á súa día a día. Argerey recalcou que “a innovación está ao alcance de todos”, sexa cal sexa o tamaño da empresa, o sector ou a localización no territorio, e que estas xornadas serven precisamente para coñecer de primeira man as necesidades dos distintos sectores. Trátase da primeira vez que se ofrece un mapa conxunto de todos os apoios á investigación, o desenvolvemento e a innovación da Xunta de Galicia co obxectivo de facilitar o seu acceso aos axentes do sistema galego de innovación, especialmente ás pemes. Este mapa está estruturado en base ás prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia.