29 Out A Televisión de Galicia faise eco do Proxecto Atlanterra
A Televisión de Galicia difundiu o pasado 28 de outubro diversas información sobre a presentación do Proxecto Atlanterra e o Mapa de Patrimonio Mineiro de Galicia, nunha xornada organizada polo Instituto Xeolóxico Mineiro de España ( IGME) e a Cámara Oficial Mineira de Galicia en Santiago.
No informativo da mañá, Bos Días, emitiuse en directo unha entrevista ao director do IGME, D. Jorge Civis, na que destacou a relevancia de Galicia no campo xeolóxico e mineiro. Civis sinalou a importancia que tiveron na historia de Galicia o wolframio, o estaño, o ouro, o carbón e, especialmente as rocas ornamentais. Neste sentido, referiuse á Comunidade galega, como “referente mundial a nivel do granito e da lousa”.
Na súa intervención, o máximo responsable do IGME apostou pola “conexión entre xestores territoriais e comunidade cientifico-técnica” para a posta en valor dos antigos espazos mineiros. En opinión de Civis, a potencialidade xeolóxica e mineira do territorio galego representará a apertura de novas iniciativas, orientadas especialmente ao turismo, e que supoñerán “unha fonte grande de ingresos e de difusión da cultura”.
Os telexornais Mediodía e Serán tamén se fixeron eco da xornada de presentación do Mapa de patrimonio mineiro de Galicia, con amplas informacións sobre o traballo, que incluíron declaracións da directora xeral da Axencia Galega de Turismo, Dna. Nava Castro, e do presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia, D. Juan de Deus Martín. Nas súas declaracións, D. Juan de Deus Martín sinalou que a posta en valor das minas abandonadas contribúe a coñecer como se explotaban os recursos mineiros e como era o proceso produtivo.