
11 Mar A OIPE celebra unha xornada técnica sobre o potencial das diferentes técnicas aplicadas en restauracións mineiras
O martes 11 de marzo, a Oficina de Impulso de Proxectos Europeos (OIPE) da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) celebrou a xornada técnica ‘Economía Circular en Restauracións Mineiras’. A primeira parte do encontro dividiuse en catro charlas. Posteriormente, tivo lugar unha mesa redonda na que os catro relatores debateron sobre diversos asuntos vinculados ao tema central da xornada.
O primeiro dos relatorios estivo a cargo de Rafael Recuna, enxeñeiro de minas na Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria. Durante a presentación, revisouse o marco xurídico que regula a rehabilitación dos espazos afectados pola actividade mineira.
A segunda charla quedou en mans de Francisco Javier Copa, Subdirector Xeral de Residuos da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, quen contextualizou o uso de residuos na formulación dos tecnosolos dacordo coa normativa.
Nos dous últimos relatorios, liderados por David González, director de Tratamientos Ecológicos del Noroeste (TEN), e Diego Arán, investigador do Instituto Superior de Agronomía da Universidade de Lisboa e xerente xeral en Inproyen, respectivamente, expuxéronse casos de éxito, tanto de produción como de aplicación de tecnosolos.
A modo de peche, celebrouse unha mesa redonda na que os catro participantes revisaron o marco legal que protexe a xestión das restauracións en contornas mineiras e as condicións de protección do medioambiente; debateron sobre a interpretación levada a cabo polo órgano substantivo en cada un dos casos; e comentaron os beneficios da aplicación de certas técnicas de rehabilitación ambiental para reducir o custo de tratamento das augas, evitar o mantemento da cobertura herbácea, favorecer a vexetación arbustiva e arbórea, e establecer actividades produtivas forestais.