08 Ago A mica, o mineral relucente da artesanía galega
A empresa Caolines de Vimianzo ( Cavisa), que desde hai máis de 35 anos recupera distintos minerais na Costa da Morte e lles outorga diferentes aplicacións, aposta pola artesanía.
Esta nova visión actualizada baseada na economía circular e na simbiose empresarial, máis un estudo exhaustivo das necesidades e aplicacións dos mercados fan que Caolines de Vimianzo continúe o seu camiño baseado no aproveitamento integral dos antigos xacementos de mica moscovita, areas e caolíns para multitude de sectores: pinturas, cosmética, plásticos, materiais compostos, agricultura ecolóxica e novas áreas para rehabilitacións ambientais, construción ou benestar animal.
A utilización da mica moscovita na elaboración de xoias é un exemplo das prestacións que ofrece este mineral. Actualmente, Cavisa colabora coa artesá Esther Ferreiro que, coa súa visión particular, emprega ese brillo inconfundible que achega a mica elevándoa a condición de xema.
Desde o 31 de xullo ata o 18 de agosto, está exposta no Castelo de Vimianzo a exposición ‘ Sinerxías’ onde se poderá gozar das pezas de xoiería de prata, vidro e mica elaboradas pola artesá de Santa Comba.