premios Santabarbara uvigo

A Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía de Vigo entregou os premios Enfoca.RME e Curtametraxes enerxéticas

A Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía da Universidade de Vigo celebrou o día da patroa mineira, Santa Bárbara co acto de entrega de premios dos concursos de fotografía e curtametraxes que veñen organizando desde o centro desde fai anos.

Estas certames teñen dúas metas: axudar á promoción das titulacións e concienciar sobre a importancia de facer un uso sostible dos recursos minerais e enerxéticos respectando o medio ambiente. “Estamos realmente contentos coa consolidación que están a coller estes concursos, sobre todo o de fotografía”, declarou o subdirector da escola, Santiago Pozo, quen sinala que este ano no concurso Enfoca.RME se recibiron máis dun cento de imaxes chegadas de toda España.

O xurado elixiu como imaxe gañadora Eólica en acción, do enxeñeiro xubilado José Manuel Maiquez. “Nesta foto quixen representar a enerxía eléctrica producida por unha instalación eólica”, salienta o autor.

Ademais do traballo de Maiquez, galardoado con 300 euros, tamén foron gañadores Javier González Paz (2º premio), por Demasiado Cerca, e Manuel Diz Folgar (accésit) por Arterias de granito.

Mentres que no concurso de Curtametraxes enerxéticas, a proposta gañadora foi Tecnologías power to gas, unha curta realizada por un equipo de alumnas da Universidad Politécnica de Madrid: Alicia Alfaya, Inés Fernández, Laura Huerta, Paula Martínez e Brenda González.  Un vídeo co que buscaron transmitir as potencialidades do hidróxeno como combustible do futuro.

Neste caso o segundo premio foi para Biogás en países subdesarrollados, de Daniela Arango, Vanessa López, Henry Pizarro, Talita Peixoto e Enma Ugarte.