09 Feb A directora da COMG asistiu á reunión do Comité Executivo de Enerxía para tratar temas como o Plan da Rede de Transporte 2021-2026 e o nó de transición de Meirama
Este venres celebrouse en Santiago de Compostela unha reunión co Comité Executivo de Enerxía do Consello Galego de Economía e Competitividade. O encontro estivo presidido polo director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández Vila, e contou coa asistencia da directora da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Arantxa Prado Santiago.
Durante a reunión tratáronse diversos temas, entre os que se inclúe a modificación de aspectos puntuais do Plan de desenvolvemento da Rede de Transporte de Enerxía Eléctrica 2021-2026; a necesidade de que o nó de transición xusta da central térmica de carbón de Meirama, no municipio de Cerceda (A Coruña), se execute de forma áxil e garantista; e a orde pola que se regula o procedemento do concurso de capacidade de acceso ao nó de transición xusta Lancha 220 kV e se procede á súa convocatoria.
O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais sinalou a importancia de que proxectos industriais estratéxicos ou iniciativas empresariais prioritarias teñan garantida a conexión eléctrica para poder tomar a decisión de investir e optar a axudas europeas. Ademais, convidou aos presentes a realizar suxestións para incluír nas alegacións que a Xunta de Galicia poderá facer nun proceso de consulta pública previa impulsado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Sobre o nó de transición xusta de Meirama, os asistentes á reunión apuntaron que o borrador non inclúe ningunha referencia á potencia que será obxecto do concurso, mentres o Goberno anunciou que esta sería de 400 MW, unha potencia inferior á que tiña a central térmica, de case 600 MW.