A Comisión Europea recoñece a compatibilidade da extracción mineral non enerxética e Natura 2000

A Comisión Europea ha publicado recentemente o Documento de Orientación Extracción mineral non enerxética e Natura 2000, unha guía sobre o desenvolvemento de actividades extractivas non enerxéticas de conformidade cos requisitos de Natura 2000.
Nel, afirman que os sectores da industria manufactureira e da construción de Europa dependen en gran medida da industria da extracción non enerxética para abastecerse de materias primas esenciais. Os imperativos económicos son claros: o sector tivo en 2007 un volume de negocios duns 49.000 millóns deeuros, e ofreceu emprego a unhas 287.000 persoas. Os sectores máis afastados da cadea que dependen dunha achega continua de materias primas fan que esa importancia sexa mesmo maior.
Recoñecen tamén que para construír a economía de mañá habemos de coidar hoxe o noso medio, o que significa que a extracción de materias primas debe efectuarse sen obviar a necesidade de velar pola natureza e a súa sustentabilidade.
Natura 2000 é o elemento central da política da UE en materia de natureza e biodiversidade. Consiste nunha rede ecolóxica que se estende por toda a UE, e comprende case 26.000 sitios dos 27 países da Unión. Foi creada en virtude da Directiva sobre hábitats de 1992 e cobre case o 18% da superficie terrestre da UE. O obxectivo desta rede é a supervivencia a longo prazo das especies, hábitats e ecosistemas máis valiosos e ameazados de Europa e que, ademais dos seus valores intrínsecos, ofrecen unha ampla gama de beneficios sociais e económicos á sociedade. Así, estas directrices mostran como é posible satisfacer as necesidades da industria de extracción evitando os efectos negativos sobre a natureza e a vida silvestre.
Nelas examínase tamén como se pode reducir ou mesmo evitar completamente o impacto das actividades de extracción sobre a natureza e a biodiversidade. Sublíñase aquí a importancia da planificación estratéxica e da avaliación apropiada das novas actividades, así como a necesidade de medidas adecuadas de redución das consecuencias. As directrices conteñen moitos exemplos de boas prácticas, e mostran como algúns proxectos de extracción poden ao final resultar beneficiosos para a biodiversidade ao proporcionar nichos ecolóxicos de gran calidade.