Plantilla fotos web comg

A COMG únese contra a paralización xudicial de proxectos enerxéticos, mineiros e industriais en Galicia

A Mesa para o Desenvolvemento Renovable e Industrial de Galicia, da que forma parte a Cámara Oficial Mineira de Galicia, acordou o 19 de marzo, tras reunirse en Santiago de Compostela, solicitar de urxencia reunións co presidente da Xunta de Galicia en funcións, Alfonso Rueda, e co delegado do Goberno na comunidade, Pedro Blanco, así como cos portavoces de industria dos grupos parlamentarios, para avaliar posibles medidas que permitan avanzar no desenvolvemento de enerxías renovables.

En representación da COMG, asistiron á reunión o presidente, Juan José López, e a directora, Arantxa Prado. Tamén estiveron presentes portavoces do resto de integrantes da Mesa: a Asociación Eólica de Galicia, a Asociación Galega do Hidróxeno, a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia, o Clúster de Enerxías Renovables de Galicia, CC.OO., a CEG, a Federación Galega da Construción, e a Federación de Industria, Construción e Agro de UXT Galicia.

Tras a paralización, ata a data, por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de 20 parques eólicos, e a decisión de elevar unha consulta prexudicial ao Tribunal Europeo, a Mesa destacou “a conxuntura de incerteza, inseguridade xurídica e indefensión” á que se enfrontan os proxectos industriais na comunidade, debido á “xudicialización masiva” daqueles que contan coa Declaración de Impacto Ambiental (DIA) e que, obviando esta circunstancia, están a ser recorridos de forma “absolutamente aleatoria” por plataformas que “se negan a calquera implantación en Galicia”.

Ademais, tras a súa reunión, a Mesa puxo o foco no alcance desta paralización xudicial, que podería afectar a un total de 70 proxectos eólicos, poñendo en risco “uns 4.200 millóns de euros e máis de 4.000 empregos, ademais de toda a dinamización da contorna nun hábitat especialmente rural”. Finalmente, subliñou a gravidade de ignorar “os informes do funcionariado das distintas administracións nos procesos xudiciais”, mentres “si se toman en consideración informes de particulares das asociacións carentes de todo rigor”.